IniciosociedadeO PSdeG ve "enchufismo" na contratación da muller do alcalde de Riotorto...

O PSdeG ve “enchufismo” na contratación da muller do alcalde de Riotorto como auxiliar administrativa

Otero asegurou no Parlamento que o procedemento de selección "é legal, pero eticamente reprobable", mentres que a Xunta lembrou que non ten competencias sobre o mesmo

Publicada o

- Advertisement -

A deputada autonómica do PSdeG-PSOE, Patricia Otero, vén de acusar de “enchufismo” ao alcalde popular de Riotorto, Clemente Iglesias, trala contratación da súa muller como titular dunha praza de administrativa no Concello. Otero levou unha pregunta á Comisión de Administración Xeral do Parlamento de Galicia.

A parlamentaria socialista denunciou o procedemento levado a cabo no Concello de Riotorto, que convocou tres prazas, de albanel, de xardineiro e de auxiliar administrativo, dentro do Plan Depuemprego da Deputación de Lugo. Así, incidiu en que “as bases non foron publicitadas” polo consistorio e “foron asinadas polo propio alcalde”, quen “permanece sen dar explicacións da contratación, ante un procedemento que está cheo dunha falla de ética sen precedentes na historia da vila”.

“Parécenos moi sorprendente que só se presentaran dúas persoas a esta convocatoria, cando o que se requirían era estar en posesión do título de EXB” tendo en conta que nunha convocatoria similar “nun concello próximo concorreron 150 persoas”, aseverou a parlamentaria socialista.

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE CONCORRERON DÚAS PERSOAS PORQUE O POSTO “NON SE PUBLICITOU”

Otero recalcou que, “nunha situación excepcional como a que estamos a vivir, non é comprensible que unha praza destas características non fose publicitada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) nin nas redes sociais do propio Concello”, o que “dá a entender que canta menos xente decate da oferta, mellor. Poderá ser legal, pero eticamente é moi reprobable”, manifestou.

“Xa o dicía Fraga, os fillos do PP aproban as oposicións en Galicia porque son máis intelixentes, aínda que non sabemos se isto está demostrado cientificamente”, aseverou a socialista. Otero lamentou que na provincia de Lugo este sexa “un modus operandi habitual do PP”, cando algunhas administracións públicas dirixidas por dirixentes do PP “parecen máis ben empresas familiares”.

Otero instou á Xunta a respectar “os principios de igualdade, mérito e capacidade” nos procesos públicos de selección de persoal e a realizar “procesos abertos e transparentes”. Neste senso, esixiu “non normalizar os casos de enchufismo na administración pública”.

O EXECUTIVO GALEGO ELUDE VALORAR O PROCESO E LEMBRA QUE “FOI FINANCIADO POLA DEPUTACIÓN”

Respondeu na Cámara galega a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, salientando que “fiscalizar” o mencionado proceso “non é competencia da Xunta de Galicia, que non participa na súa tramitación nin no seu financiamento“, e defendeu “o principio de autonomía” dos Concellos. “A Deputación de Lugo, que financia eses postos de traballo, poderalle dar máis información para responder ás súas dúbidas”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...